Monday 29 de April de 2024

Feijóo destaca a licitación dos proxectos técnicos e da dirección das obras do novo CHUAC, un proxecto doado con máis de 430M€ que será o punto de inflexión na asistencia sanitaria da cidade e da contorna


“Terán un especial valor os proxectos construtivos que permitan ir poñendo en servizo o hospital por fases, e non esperar ao remate final da obras”, destaca
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a licitación dos proxectos técnicos e da dirección das obras do novo Hospital Público da Coruña; un proxecto dotado con máis de 430 millóns de euros e que será o punto de inflexión na asistencia sanitaria da cidade e da contorna.
“Trátase da maior infraestrutura que vai acometer o Servizo Galego de Saúde nesta lexislatura”, destacou, poñendo de relevancia que dobrarase a superficie do hospital da Coruña ata acadar 225.000 m² de superficie, o que supón o incremento do 108% de salas e postos de Urxencias, o incremento do 50% de consultas e postos de observación de Urxencias e cun 15% máis de camas dispoñibles e un 50% de habitacións individuais. Neste sentido, precisou que o Consello autorizou hoxe a licitación de todos os proxectos técnicos, construtivos, urbanísticos e dirección de obras deste novo hospital público ata o final por 7,6 millóns de euros.
Feijóo explicou que o contrato que se autoriza hoxe consiste na elaboración do proxecto urbanístico necesario para desenvolver o centro, o proxecto básico de construción, o proxecto definitivo de construción e adxudicación da dirección de obra desde o primeiro momento ata a finalización da totalidade do hospital. Nesta liña, explicou que todos eses documentos terán que concretar o recollido no Plan Funcional e de espazos, incidindo, así mesmo, que no deseño dos proxectos será fundamental que se entreguen por fases. “Terán un especial valor os proxectos construtivos que permitan ir poñendo en servizo o hospital por fases, e non esperar ao remate final da obras”, destacou.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta recordou que o proxecto inclúe tamén: novas zonas de aparcadoiro para traballadores e usuarios; a reordenación e execución de espazos necesarios, “e por suposto accesos para o novo hospital que melloran a accesibilidade ao barrio de Eirís e á futura Cidade das TIC”, dixo.
No referente á adxudicación das obras da fase 0, Feijóo resaltou que os traballos contan cun orzamento de máis de 13 millóns na fase inicial e que se están a tomar as decisións para implementar a primeira obra adxudicada.
“Esta obra suporá, sen dúbida, a primeira entrega do novo Hospital público da Coruña”, destacou, explicando que a súa finalización suporá contar cunha ampliación das áreas de Urxencias, a creación dos novos hospitais de día e novos espazos destinados a outros servizos.

Feijóo concluíu a súa intervención pedindo “comprensión para os profesionais da Coruña e para os pacientes: temos que xestionar a covid, ampliar o hospital e iniciar a construción de edificios hospitalarios de forma conxunta”, e solicitando, ademais, “a implicación da Administración local coruñesa que necesitamos para a cesión dos terreos necesarios para edificar e para os accesos de entradas e saídas a este macro hospital, ao barrio de Eirís e á nova Cidade das TIC”.